mércores, 2 de maio de 2018

Subida a Monte Louro.
Abril 2018.

Aínda que xa levabamos moito tempo sen publicar, iso non significa que non seguísemos a patear Galicia para o noso amigo Vicente. O luns, aproveitando a ponte, e que Vicente tiña a excusa perfecta para non ter que vir, tiramos a coñecer, e subir o Monte Louro (Monte Rubio, para os extremeños), e cunha incorporación que ben merece que quede constancia no blogue, a de Marino, que non só quedou en vir, senón que veu. 
Quedamos con Marino no faro, pero facendo gala da nosa idiosincrasia, vímolo no bar. 
Seguimos un track de Wikilock ao que, de seguro, faremos algunha puntualización, para subir os dous picos do monte. As subidas son intensas pero curtas, e fanse sen moito problema, aínda que é máis seguro subir que baixar, especialmente se choveu.
No primeiro cumio fixemos varios intentos lamentables de facer un selfie, dos que deixamos constancia. Sobre todo, da destreza de Marino para tal tarefa.











Logo fixemos o segundo cumio e escollemos unha baixada alternativa. 



E con isto, fomos comer a Caldebarcos, que sempre é unha boa escolla.
Anota, Vicente, outro sitio que coñeces.

martes, 3 de maio de 2016

Laxe-Traba-Laxe

O sábado, 30 de abril, con forte vento de Levante e a climatoloxía do seu lado, cinco intrépidos e sacrificados aventureiros dispuxéronse a explorar este recunchiño da Costa da Morte, para poñelo a disposición do seu compañeiro, exiliado, como Castelao, na áspera Estremadura.
Primeira parada, ermida de Santa Rosa:



De aí subimos un monte, non demasiado perigoso, mesmo para Vicente, con tendencia a "despeñarse" pola alta montaña galega, para logo baixar á praia de Soesto, paraíso particular de Alejandro. 


Desde Soesto, por caminiño de madeira, volvimos subir para chegar a Traba, facendo unha parada previa nun observatorio de paxaros, no que Alejandro pensou ver aves varias que para os demais resultaron invisibles.


Neste traxecto, a pesares dos nosos esforzos por manternos serios e distantes, e animados polo empeño de Alex, volvimos lembrar ao ausente....


E xa en Traba, cumprimos un dos obxectivos principais destas saídas, baixo o prisma inestimable de ter "un arquitecto na nosa vida"



Despois disto, volta a Laxe, case, case polo mesmo camiño, avituallamento e ..... a preparar a seguinte. 
Seguiremos informando!

venres, 15 de abril de 2016

Iniciando o camiño

PRIMEIRA XORNADA.
CAAVEIRO-MONFERO.
Sábado, 9 de abril de 2016.
Cun ceo tímido, que se abría e se pechaba a vontade, comezamos a rota inaugural de "Coñecendo Galicia para Vicente", despois dunha visita ao Mosteiro de Caaveiro.

Ao pé do Mosteiro, comezamos a rota que había de ter, como destino, o Mosteiro de Monfero.







Tras unha rota placentera, complicada e algo mollada, chegamos ao Mosteiro de Monfero, no que facía un frío interesante....





Proximamente....a segunda rota!